O proxecto ciclista oiense empeza a dar os seus froitos. O equipo de competición Elite e Sub23 cultivou o pasado sábado dúas vitorias na mesma mañá. O guardés Aser Estévez volveu gañar o Campionato de España Open de Contrarreloxo en Baños de Molgas (Ourense), e o vedrense David Vieites impúxose na Subida á Groba en Baiona. Ambos os dous corredores elite están a realizar unha gran tempada e un mes de xullo brillante, tras estar na pelexa polas medallas UCI no Gran Fondo Ézaro a inicios de mes.
O Santuario de Os Milagres era o novo escenario do Campionato de España Open de Contrarreloxo. Tras un 2018 sen celebrarse, Aser Estévez defendía o título alcanzado en Sandiás (Ourense) en 2017. A súa condición de favorito, partindo en última posición, non deixou lugar á sorpresa. Cun tempo de 22 minutos e 51 segundos e unha velocidade media de 45km/h, o guardés avantaxaba ao luso Amaral en 14 segundos, e ao seu rexistro de 23 minutos 05 segundos.
Os outros representantes do Oiense tamén realizaron un gran papel. O rosaleiro Sergio Ferreira, debutante na proba, metíase no top-10 en Máster 30, o mesmo que o local Rubén Goce, ambos son corredores potentes e grandes rodadores.
A Subida Cicloturista á Groba era o outro fronte do equipo na mañá do sábado. Os corredores azuis aspiraban a ter protagonismo. David Vieites fixo uso dos seus dotes de escalador para coroar a cima en primeira posición e impoñerse cun gran tempo, batendo os rexistros anteriores. Ademais o leonés Cristian González gañou en sénior na estrada, o local Rubén Misa en sénior Btt e Álex Moreira subiu ao podio como terceiro en Btt. Tamén estiveron presentes Diego Sánchez, Carlos Alonso Fernández e Carlos Alonso Vicente.
Sen dúbida, o 20 de xullo de 2019 será un día inesquecible para Ciclismo Oiense. A historia deste humilde equipo de competición, nado hai uns meses, empeza a escribirse en letras maiúsculas.