A feira gastronómica “Rilla na Rúa” chega a Nigrán para quedarse durante 12 días

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Rilla na Rúa en Nigrán.

A feira gastronómica itinerante máis importante de Galicia chega a Nigrán este mércores. O “Rilla na Rúa” instalarase ata o 4 de agosto no Paseo da Ramallosa cunha programación repleta de concertos en estreita colaboración co Nigranjazz, actividades para toda a familia e unha oferta gastronómica máis ampla.

Máis de 15 foodtrucks con diversas propostas gastronómicas e unha ampla programación pensada para todas as idades, fan do “Rilla na rúa” unha das citas imprescindibles do verán en Galicia. Miles de persoas de distintas localidades galegas desfrutaron xa da ampla programación de lecer que oferta esta feira, que repite presenza en Nigrán logo do éxito obtido na edicións anteriores.

Ademais dunha ampla oferta gastronómica, o “Rilla na rúa” programa distintas propostas: Supersónica, Off Room, Algo pasa con Mary , “Thomas Dylan e Balea”, “Zeltia”, “RMS”, “Pontiacs” ou “Denova”. Algúns destes concertos forman parte da programación do Nigranjazz, co que a organización do evento colabora estreitamente.

Tamén haberá actividades infantís (obradoiros, pinta mandilóns, maquillaxe, estampación) e o Monkey Market, con máis de 15 postos no que se poñen á venda produtos de artesanía.

O “Rilla na rúa”, organizado pola empresa promotora de eventos Elemental Street, conta coa colaboración do Concello de Nigrán, Deputación de Pontevedra, Mahou e Deleite.

RILLA NA RÚA NIGRÁN