Inaugurada a exposición “O océano que nos une” na Casa da Navegación de Baiona

Este xoves foi inaugurada a exposición “O océano que nos une” na Casa da Navegación de Baiona. A mostra itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), que forma parte de Morada Atlántica, un proxecto de cooperación promovido polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, poderá visitarse ata o vindeiro 28 de xullo de mércores a domingo en horario de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, foi o encargado de abrir esta presentación. Elena Herbello Puentes, xerente do GALP Ría de Vigo – A Guarda, realizou unha presentación técnica na que expuxo os avances levados a cabo ata o momento no proxecto Morada Atlántica. A técnica presentou tamén o resto de museos galegos que forman parte desta exposición, que son os que se uniron a esa rede de coñecemento nunha primeira fase de adhesión.

Por último, a concelleira de Cultura de Baiona, Mirian Mar Costas Iriarte, pechou a presentación para dar paso a un percorrido guiado polos dez paneis de “O océano que nos une”, da man de Rosa Villar Quinteiro, técnico de xestión da Casa da Navegación de Baiona. Rosa apuntou que “tanto a Casa da Navegación como a réplica da Carabela Pinta son dous instrumentos de divulgación das orixes e a historia da que foi a Real Vila“. A técnico sinalou tamén que nos cinco anos de vida deste espazo fixeron fincapé en poñer en valor a relación de Baiona co mar e o papel que esta vila xogou na historia da navegación atlántica.

Percorrido pola costa galega

Trala súa estancia en Baiona, “O océano que nos une” continuará a súa ruta pola costa galega a través dos museos da rede REMA.

Anuncios