Despois do sold out no concerto de Mounqup pola Ría de Vigo, comeza Vive Nigrán!

Despois do sold out na experiencia gastromusical pola Ría de Vigo que liderou onte a música de Mounqup, hoxe, venres 19 de xullo, Vive Nigrán dá o seu pistoletazo de saída para a que será unha fin de semana con 25 concertos e unha ducia de actividades para todos os públicos que farán que os asistentes poidan vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo.

Esta tarde dende as 18h30 invadirán o Escenario Mahou e o Escenario Rías Baixas o glitter pop de Hickeys, o R&B contemporáneo da novísima Adriana Proenza, a música latina e o rock de raíces de Los Vinagres, a sesión DJ de Paula do Campo, Stanich, unha das referencias da renovación musical máis vigorosas, a sesión DJ de Isaac Pedrouzo, o caos creativo e punk de Los Nastys e o desmelene frenético e pop adulterado de Meneo.

Ademais, todas as persoas asistentes poderán gozar tamén de iniciativas coma o cambio de look gratuíto que a Barbería Derek Ivanich e Save the Sailor lle ofrecerán durante o festival a todo aquel que o desexe a través do seu novo proxecto “La Chabacana”, ou food trucks a cargo de La Pepita Burger Bar, ChacMool Taquería, Misco-Midas, Peaky Food Truck e Creperie La Bretonne. Ademais, dende as 15h30 ata as 18h30 o Club Marítimo de Panxón ofrecerá en colaboración co festival un bautismo de Kayak a todas as persoas que se atrevan a probar a actividade.

Mañá, sábado 20, a oferta estará protagonizada nas primeiras horas por unha ampla proposta de actividades deseñadas específicamente para os máis pequenos e pequenas da casa ao longo de todo o día e concentradas, na súa maioría, nun horario de acceso gratuíto de 12h00 a 18h00. Mentres que o día comezará cun bautismo de surf para nenos e nenas, en colaboración con La Conservera del Surf, o recinto do festival contará co seu xa habitual e exitoso concurso de debuxo, obradoiros de maquillaxe, construcción con bloques XXL, Pixel Art, Geomag, globoflexia, e o regreso do xornalista Javier Becerra -que xa nos acompañara na primeira edición do festival- para presentar o seu libro ¡Esto es pop! (Mont Ventoux). O xornalista estará acompañado pola música de Carolina Rubirosa para facer este percorrido pola historia da música popular dende Frank Sinatra a Beyoncé, pasando polos Rolling Stones, David Bowie, Patti Smith, Michael Jackson ou Nirvana. No mesmo tramo horario e tamén de balde, a música correrá da conta de Uke & The Leeles; de Delafé, que no seu Concerto Mahou Cinco Estrellas en formato Mediodía Cañero amosará o seu novo son máis electrónico; dos acordes enérxicos e o pop cristalino dos valencianos L’Emperador e de tres concertos a cargo de Gain Over, a escola de rock do Val Miñor.

A partir de media tarde, o acceso ao recinto tornarase de pago para inundarse do folk, pop acústico e rock de Isius, do ritmo mantra “tucu-chaca” e o fingerpicking salvaxe de Yo Diablo, do pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse, bailar na sesión DJ de Paul Church, co dúo Monterrosa, disposto convertir a pista de baile en paraíso e trincheira, cos galegos e incombustibles Novedades Carminha e coas revolucionarias Las Chillers. O día completarano as sesións DJ de Isaac Pedrouzo e Picnic Pop.

Entradas e abonos

As entradas e abonos para asistir ao evento este venres aínda se poden adquirir en www.vivenigran.com a un prezo de 30 euros o abono e 18 euros a entrada de día ata as 12h00 de hoxe, tras o que se habilitará a venda en taquilla a un prezo de 35 e 22 euros, respectivamente. As entradas de día para o sábado continuarán vendéndose fisicamente ata as 00h00 desta mesma noite.

Para facilitar a mobilidade, a organización habilitou tamén un servizo especial de autobuses nocturnos para que todo aquel que o precise poida facer uso del á hora de abandonar Praia América. Terá un custe de 8 euros a viaxe e tanto o venres coma o sábado do festival terá saída ás 03h30 da mañá e paradas en Baiona, Vigo e Pontevedra.

Para levarse a cabo, o festival Vive Nigrán conta co apoio de institucións coma o Concello de Nigrán, a Deputación de Pontevedra e a Agadic -Axencia Galega das Indutrias Culturais- a través da marca Fest Galicia, e o patrocinio de Mahou, Thunderbitch e Nissan.

Horarios:

VENRES 19

No Club Marítimo de Panxón
15h30 ata as 18h30 | Bautismo de kayak (a partir de 8 anos)

No recinto do festival
18h00 Apertura de portas
18h00 a 22h00 Cortes de pelo gratis con La Chabacana
18h30 Hickeys
19h30 Adriana Proenza
20h15 Los Vinagres
21h15 DJ Paula do Campo
22h15 Stanich
23h30 DJ Isaac Pedrouzo
00h30 Los Nastys
01h30 Meneo
02h30 DJ Isaac Pedrouzo
03h30 Peche recinto

SÁBADO 20

En Praia América
11h00 a 12h00 Bautismo de surf para nenos e nenas a partir de 6 anos

No recinto do festival
12h30 Apertura de portas

Actividades gratuítas:
12h30 a 13h15 Presentación ¡Esto es pop!, de Javier Becerra, coa música de Carolina Rubirosa
12h30 a 17h30 Concurso de debuxo
12h30 a 18h00 Obradoiros infantís: maquillaxe, construcción con bloques XXL, Pixel Art, Geomag
13h15 Uke & The Leeles
15h00 Concerto Mahou Cinco Estrellas de Delafé en formato Mediodía Cañero
16h00 L’Emperador
16h00 a 22h00 Photocall e globoflexia
17h00 Gain Over
18h00 a 22h00 Cortes de pelo gratis con La Chabacana

Inicio concertos de pago:
19h00 Isius
20h00 Yo Diablo
21h00 Hidrogenesse
22h00 DJ de Paul Church
23h00 Monterrosa
00h00 Novedades Carminha
01h15 DJ Isaac Pedrouzo
02h15 Las Chillers
03h15 DJ Picnic Pop
04h00 Peche recinto

Anuncios