Baiona celebra a 11ª edición da Subida á Groba con máis de 215 inscritos

Baiona celebra este sábado 20 de xullo a décimo primeira edición da Subida Cicloturista A Groba, organizada pola Concellería de Deportes. A proba é de carácter ciclo turista – ciclo deportiva de marcado carácter popular, de curta distancia pero de duro percorrido, 11 km. cun desnivel de 620 m. e unha porcentaxe de 5,6%.

Este ano superouse a cifra dos 215 inscritos, repartidos nas categorías Júnior (2000-2001-2002-2003-2004), Sénior (1999 ata 1979), Veteranos anteriores a 1978 e Censados en Baiona, todas elas tanto masculinas como femininas. A idade mínima para participar establécese nos 15 anos (2004). Os participantes menores de idade requiren dunha autorización dun titor responsable para a súa inscrición.

Haberá trofeos para os gañadores absolutos masculino e feminino e para os tres primeiros clasificados de cada categoría, para o participante de maior idade e o máis novo, para o primeiro baionés e baionesa e ao gañador por equipos.

A saída da proba será ás 11:00 horas desde o Pavillón Municipal, sendo neutralizada cun percorrido de quecemento ata a rotonda de Baredo e volta. A saída oficial será á altura da Virxe da Rocha. Para participar é obrigatorio o uso de casco protector e dunha bicicleta non eléctrica.

Os dorsais serán entregados aos participantes o mesmo día 20 de xullo desde as 9:30 ata as 10:45 da mañá no Pavillón Municipal de Deportes.

Anuncios