A mellor música electrónica pon ritmo ao solpor de Baiona

A contorna da praia de Os Frades recibiu un ano máis a miles de persoas que non quixeron perderse a sexta edición do Frades Sunset Festival, a cita coa música electrónica que xa é referencia en Galicia. Os asistentes puideron gozar nun lugar incomparable polas súas postas de sol de 12 horas de espectáculo con todas as mesturas posibles nos sintetizadores.

Kovigz e Ángel Vakeiro foron os encargados de abrir o evento. Seguíronlle os baioneses Ludwing Van Brothers, composto por Vince Stone e Rober Villar, que contaron coa vocal live Annie Rose, e que deron paso a un dos pratos fortes da xornada, Yasiris, artista nada na República Dominicana e residente en España desde os 10 anos, que neste momento é unha das cantantes latinas máis destacadas polo seu show, onde interpreta os seus temas propios, mesturados con covers dos hits máis actuais.

Polo escenario situado aos pés de Monte Boi pasou despois o segundo cabeza de cartel desta edición, Albert Neve, artista nado en Barcelona que conseguiu consolidarse como unha das figuras máis reputadas da música electrónica en España, grazas aos seus temas en solitario e aos seus espectaculares remixes e colaboracións con artistas de primeiro nivel mundial como David Guetta, Dimitri Vegas&Like Mike, Tiesto, Martín Garrix, Steve Aoki, Armin Van Buuren, Afrojack, Hardwell, Sander Van Doorn, Laidback Luke ou Nicky Romero, entre outros.

Tomaron a substitución Groove Amigos e o baionés Yaggo, que participou en todas as edicións do festival e asesora ao Concello cada ano para configurar o cartel. O DJ local, que triunfa no panorama internacional da música electrónica, foi o encargado de baixar o pano nunha noite na que non faltaron as performances de Pablo Méndez, unha zona chill-out, obradoiros da man de Matrácala, animación circense a cargo de Troula Animación, servizo de barra e unha apetitosa oferta gastronómica con diferentes food-trucks que ofreceron variadas viandas como hamburguesas, tacos ou creps, unha infinidade de delicatessen nun marco incomparable cun son de fondo sen igual.

O Concello de Baiona, que organiza o evento coa colaboración de ACEBA, apostou un ano máis pola fórmula dos máis prestixiosos festivais de praia do mundo ante o éxito alcanzado nas edicións pasadas. O festival contou coa colaboración de varios locais de copas do municipio, todos unidos para poñer ritmo á vila.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios