Baixo o lema “Ti podes salvar unha vida” a Concellería de Deportes de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, puxo en marcha un ciclo de charlas sobre nocións básicas de primeiros auxilios, que se desenvolverán en diferentes parroquias do municipio.
O obxectivo é facilitar o máximo posible a participación dos veciños, achegando as actividades á súa contorna máis próxima. Desta forma, as charlas desenvolveranse este mércores no Centro Cultural de Morgadáns; o próximo día 22 trasladarase ao Centro Cultural e Recreativo de Peitieiros, e o 24 no Centro Cultural de Borreiros. O ciclo clausurarase o día 31 de xullo no Centro Cultural de Chaín.
Profesionais expoñerán durante dúas horas, de forma teórico-práctica, como actuar en caso de atoparnos ante unha situación de emerxencia. Así se darán as pautas básicas para identificar signos vitais, realizar unha primeira valoración da situación, ou como actuar ante síncopes ou convulsións. Poñerase especial atención na reanimación cardio/pulmonar, cuxo coñecemento pode marcar a diferenza na atención dun accidentado e a súa supervivencia.
Todos os interesados en participar nas charlas deben poñerse en contacto co Centro Cultural da súa parroquia.


