Baiona pon en marcha unha campaña de sensibilización por unhas festas sen agresións sexuais

A violencia de xénero é unha das manifestacións máis graves da desigualdade entre mulleres e homes. A pesar dos avances logrados no ámbito lexislativo e formal, aínda é necesario un cambio a nivel real. Semanalmente escoitamos noticias de asasinatos e agresións a mulleres polo simple feito de ser muller. Especialmente en épocas de festas e aglomeracións as agresións sexuais increméntanse. As Institucións así como os axentes sociais e a sociedade en xeral temos a obriga de previr e combater as agresións sexistas.

Neste marco sitúase a campaña “SE NON É SI, É NON” que difundirá o Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade durante o 2, 3 e 4 de agosto durante a celebración da Festas da Anunciada. O punto morado xa estivo operativo este martes, de 20:00 a 00:00 horas, con motivo do Día do Carme. O obxectivo é sensibilizar á cidadanía, especialmente á xuventude, no rexeitamento cara as manifestacións de violencia contra as mulleres, impulsando unha posición activa fronte ás condutas sexistas. Sensibilizar sobre a importancia da resposta cidadá fronte as agresións sexistas. Informar á cidadanía sobre os recursos dispoñibles de orientación, atención e denuncia das agresións sexistas.

A campaña lanza ademais mensaxes tanto a quen sofre unha agresión sexista como a potenciais testemuñas, recordando a estes últimos que gardar silencio e non actuar convértete en cómplice. Informase tamén de programas específicos de atención a mulleres vítimas de violencia sexual, da aplicación móbil agresión off así como dos teléfonos de emerxencia 112 e 016 entre outros.

A campaña inclúe un Punto Informativo en materia de violencia de xénero, sito na rúa Elduayen. O horario de apertura será o venres 2 de agosto e sábado 3 de agosto de 20:00 a 1:00 horas, e o domingo 4 de agosto de 20:00 a 23:00 horas.

Carteis, flyers e merchadising

Para a difusión da campaña cóntase con profesionais especializadas en xénero, e educadoras de rúa que entre outras desenvolverán as seguintes funcións: sensibilizar á xuventude sobre a importancia da resposta cidadá fronte as agresións sexistas, promover condutas de respecto e bo trato, informar sobre recursos en caso de ser vítima de agresión e reparto de merchandising.

A Concelleira de Igualdade, Yasmina Costas, informa que por falta de orzamento este ano só será posible levar a cabo a campaña nos días sinalados. No vindeiro ano a intención é levar este punto informativo a todos os eventos e festivais con grande afluencia de público.