Nigrán substituirá 169 luminarias por unhas novas de tecnoloxía LED cun investimento de 84.000 €

O Concello de Nigrán substituirá as 169 luminarias antigas de vapor de sodio nas rúas Reverendo José Mª Alonso (Nigrán) e Padres Franciscanos, Francisca Lago e Rans (San Pedro) cun investimento de 84.109,55€. A achega dos Fondos FEDER, 67.287,64 €, supón o financiamento do 80% a través de axudas a entidades locais para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono do instituto para a diversificación e aforro da enerxía no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. O Concello de Nigrán achegará 9.321,91€ e a Deputación de Pontevedra 7.500 €.

O troco permitirá reducir o consumo de 16,06 kWh a 4,38 kWh e multiplicar exponencialmente a súa vida útil, co conseguinte aforro económico ademais de mellorar a calidade da iluminación e reducir a contaminación lumínica concentrando a mesma nos viarios públicos.

Este cambio súmase aos realizados anteriormente no centro da Ramallosa (contorna de Manuel Lemos, Avda. Portugal e Torrente Ballester), Panxón, centro de Nigrán, Chandebrito, os barrios da Levada ou a Rotea en Camos ou toda a estra PO-552 nas Avdas. Manuel Lemos e Rosalía de Castro. O obxectivo de todos estes trocos é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as luminarias de vapor de sodio ocasionan problemas ao ter sobrepasado o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considera prioritarias as substitucións nos núcleos urbanos con gran afluencia de peóns e circulación viaria.

«O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio», indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, as aubstitucións permiten reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.

Anuncios