A Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona celebrou este domingo os actos na honra da súa patroa, a Virxe do Carme, aos que asistiron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, o alcalde, Carlos Gómez, e a Patroa Maior, Susana González, xunto con outros membros da corporación municipal e do pósito.
Ás 17:00 horas comezaba a misa de campaña no porto pesqueiro, oficiada polo párroco de Santa María de Baiona, Manuel Salcidos, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”, e á que asistiron centenares de persoas. Ao finalizar a eucaristía deuse paso á homenaxe ao mariñeiro de máis idade, Manuel Pousa Lamas “Sirolas”, e á mariscadora máis veterana, Lucita Fernández Portela, que recibiron ante os seus emocionados familiares unha metopa, un diploma e unhas flores de mans do conselleiro, a Directora Xeral, o alcalde e a Patroa Maior.
A continuación, a Banda de Música de Baiona acompañou o tradicional baile da Danza das Espadas, dedicado especialmente a Manuel e Lucita, para finalizar as celebracións coa tradicional procesión marítima pola baía, na que participaron multitude de embarcacións. Xa fronte ás costas de Monte Boi, procedeuse á ofrenda floral, non só polos mariñeiros, senón por todo aquel que faleceu no mar. Finalmente, a imaxe da Virxe do Carme foi trasladada á Capela da Misericordia.

