O Sarasas FS proclámase campión do Torneo de Fútbol Sala San Bieito

Desde o 8 ata o 13 de xullo disputouse no Pavillón Municipal de Deportes de Gondomar o VII Torneo de Fútbol Sala San Bieito, cun moi bo ambiente que serviu para potenciar aínda máis este deporte. Sinalar positivamente o auxe de equipos cunha media de idade moi baixa, que deleitaron ao público asistente co seu bo facer.

Un total de 16 equipos da comarca do Val Miñor participaron no Torneo que cada ano celébrase coincidindo coas festas patronais de San Bieito, organizado polo Concello de Gondomar e o Cereixa Vincios Fútbol Sala. A fase preliminar, que xogaron todos os equipos, desenvolveuse ata o día 8, disputándose a fase final o sábado 13 desde as 15:00 horas da tarde.

O equipo gañador foi o Sarasas FS, composto por xogadores de división nacional. O Ramal FS proclamouse subcampión, ademais de ser o equipo máximo goleador. O premio polo menos goleado foi para o conxunto gondomareño San Benito, e o recoñecemento á deportividade leváronllo os Juvetas de Vincios.

Desde o Vincios FS queren agradecer aos participantes o gran nivel mostrado por todos os equipos e o fácil que o puxeron á organización, e tamén ao numeroso público que pasou durante toda esta semana polas instalacións do Pavillón Municipal de Gondomar, que fai deste torneo un referente comarcal.

“Agradecer ao Concello de Gondomar, tanto á súa concelleira de deportes Nuria Lameiro, como ao alcalde Paco Ferreira, por depositar a súa confianza en nós para organizar este gran evento un ano máis”, sinalan desde o Vincios FS.

2019-07-14 - IMG-20190713-WA0015

Anuncios