80 anos de Ofrenda do Mar en Panxón

O Xefe do Servizo de Salvamento Marítimo de Vigo, José María Suárez-Llanos, foi o encargado de presentar este sábado no Templo Votivo de Panxón (Nigrán), a tradicional Ofrenda do Mar, unha cerimonia que se celebra cada ano desde 1939 na histórica igrexa do arquitecto porriñés Antonio Palacios consagrada á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, organizada de forma rotatoria polas mariñas mercante, á que lle correspondeu nesta ocasión, de pesca, deportiva e pola Armada.

Cando se cumpren 80 anos desde que se realizou a primeira Ofrenda do Mar, Suárez-Llanos lembrou no seu discurso que foron “80 anos nos que, ininterrompidamente, pedímosche que intercedas polas nosas vidas e tamén clemencia ás tempestades da mar pois, á fin e ao cabo, a calma garante en boa parte nosa seguridade, acougada a mar, acougados os nosos espíritos”.

O Xefe do Servizo de Salvamento Marítimo de Vigo acordouse tamén dos refuxiados e migrantes, “daqueles que non sendo mariños, están na mar, daqueles que buscan un novo devir e ilusión nas súas vidas, perseguidos pola inxustiza que empuxa a estes homes e mulleres á mar incerta, e altamente sinistra, nas súas fráxiles embarcacións”.

“Como sempre foi na mar -continuou Suárez-Llanos-, polo noso traballo, especialmente na Mariña Mercante, a ausencia é a nosa costa, a nosa aspereza, a ausencia que día a día superamos pero está presente, a dos seres queridos, pero non a da Raíña dos Mares, que sempre está aí, esa Estrela das Estrelas, para saber onde imos, para saber onde estamos, e así, arribar ao noso porto, a nosa casa”.

Antes da intervención do Bispo da Diocese de Tui-Vigo e Bispo promotor do Apostolado do Mar, Luis Quinteiro Fiuza, encargado de dar a réplica ao Oferente, o Xefe do Servizo de Salvamento pediu “como nestes 80 anos” á Virxe do Carme “que veles por aqueles que están en perigo na mar, o teu mar, e que deas calor ás familias dos mariñeiros que xa non están, como ti ben sabes dar”.

A octoxésima edición da Ofrenda do Mar no Templo Votivo de Panxón acabou, como vén sendo tradición, coa Bendición ao Mar e o canto da Salve Mariñeira. Como sempre a celebración estivo acompañada polo Coro Stella Maris de Panxón, e por vez primeira, o Palio foi portado por unha persoa de cada Mariña: Ricaro Lion da Mercante, Carlos Sande pola Armada, Alfonso G. Cayetano pola de pesca, José Luis Álvarez pola deportiva, Ramón Vázquez polo Apostolado do Mar, e Francisco J. Comesaña polos Orfos de Panxón.

Tamén asistiron, entre outras autoridades, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Nigrán, Juan González.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios