Deporte, diversión e compañeirismo no campus do CB Nigrán

O concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, pechou hoxe no Pavillón de Panxón o campus que o CB Nigrán organizou en colaboración co Concello, quen proporcionou mochilas e a merenda diaria para todos os nenos e nenas participantes.

O CB Nigrán pechou unha semana de campus no que os máis pequenos gozaron de diversas actividades en torno ao baloncesto, o eixo central do campus, como circuítos de tecnificación ou competicións de tiro. Pero desde o club entenden que é esencial ofrecer aos nenos e nenas outras propostas, polo que organizaron actividades diferentes como experimentos, actividades na praia, xeometría e cálculo divertido, GAP, deporte múltiple (balonmán, béisbol, rugby, tenis, pádel, hóckey, tag rugby, voleibol, tiro con arco, etc …) ou xogos populares e alternativos.

Para o desenvolvemento de todas estas actividades o CB Nigrán contou coa colaboración duns 10 profesionais de diferentes campos, como profesores, monitores de tempo libre, adestradores de baloncesto ou licenciados en matemáticas e enxeñería e persoal cualificado da escola Bambú de Nigrán. Tamén contaron coa colaboración de tres técnicos de emerxencias sanitarias que impartiron clases de Primeiros Auxilios Básicos, Reanimación Cardiopulmonar ( RCP), hemorraxias e atragantamientos, un tema que desde o club consideran esencial.

Na cerimonia de clausura entregouse a todos os nenos e nenas un diploma acreditativo de participación e unha medalla, así como un pequeno detalle a todos os profesionais responsables das diferentes actividades do campus.

A directora deportiva do CB Nigrán, Nuria Domínguez, destacou o bo ambiente experimentado durante a semana entre participantes e monitores e a disposición dos nenos e nenas a participar nas diferentes actividades programadas. Tamén sinalou que a asistencia de nenos e nenas no campus foi un gran éxito e que as prazas se encheron ao 100%. Ademais, a maioría de nenos e nenas non pertencían ao club, un aspecto de gran importancia para os organizadores do campus, que se marcaron como un dos obxectivos mostrar o club e a súa filosofía de traballo.

Anuncios