As “poxas” de San Antonio recadan preto de 1.700 euros en Gondomar

As festas patronais de Gondomar continúan este venres coa xornada dedicada a San Antonio. Pasadas as 18:00 horas comezaron as tradicionais “poxas”, que reuniron a uns 300 veciños na parte traseira do atrio da Igrexa de San Bieito. Carlos Riveiro, coñecido como Carlos de Gondomar, foi o encargado das poxas, tal e como o leva facendo desde fai máis dunha década. Nunha tarde de moita calor, ofrecéronse menos produtos dos habituais, doados directamente polos veciños da Vila Condal, aínda que poxados a un maior prezo, na que é unha actividade moi arraigada, que leva máis de medio século celebrándose ininterrompidamente.

Os asistentes puidéronse levar para casa plantas ou coellos por entre 20 e 40 euros, unha folla de bacallau de 3 quilos e medio ou un porco, ambos por 85 euros. Destacou unha imaxe da Virxe do Pilar bendicida na Basílica do Pilar, doada por un matrimonio de Zaragoza que todos os anos visita Gondomar, e que se adxudicou tamén por 85 euros. En total, recadáronse preto de 1.700 euros que serán destinados para o pan dos pobres de San Antonio.

As festas patronais na honra de San Bieito, que se prolongarán ata o domingo 14 de xullo, continuarán este sábado 13 cunha verbena amenizada pola orquestra La Nave. O domingo 14 ás 18:00 horas haberá unha festa infantil no Parque da Coelleira e ás 20:30 horas celebrarase a Misa da Gratitude e a ofrenda de flores á Virxe do Carme, seguida de procesión. Pola noite, a partir das 23:00 horas, o trío Azar pechará as festas.