O Xefe de Salvamento Marítimo presentará a Ofrenda do Mar en Panxón

O vindeiro sábado 13 de xullo celebrarase a tradicional Ofrenda do Mar no Templo Votivo de Panxón, a histórica igrexa do arquitecto porriñés Antonio Palacios consagrada á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Ás 20:00 horas comezará a Eucaristía Solemne presidida polo Bispo da Diocese, mons. Quinteiro Fiuza, que é tamén promotor do Apostolado do Mar en España.

A ofrenda será presentada por D. José María Suárez-Llanos, Xefe do Servizo de Salvamento Marítimo de Vigo, en nome das xentes do mar. A celebración, á que se prevé que asistan autoridades civís e militares, lembrará a todas as persoas ligadas ao mundo do mar e ás súas familias, así como aos falecidos nel.

Tras a Misa, o Bispo bendirá os mares e ás súas xentes co Santísimo Sacramento. Para finalizar, entoarase a Salve mariñeira.