Gondomar silencia as súas festas pensando nas persoas autistas e epilépticas

O Concello de Gondomar silencia as súas festas pensando nas persoas autistas e epilépticas. O equipo de goberno busca así facer das súas festas locais un lugar “no que teñamos cabida todos e todas, e facilitar que as persoas que padecen hipersensibilidade acústica e auditiva poidan ter o seu tempo e participar nelas sen ningún tipo de obstáculo”, sinala o rexedor Paco Ferreira.

A decisión acordouse por iniciativa propia do actual goberno e trasladouse aos responsables da comisión de festas e das atraccións que, desde o primeiro momento, mostraron a súa disposición para poñela en marcha. Desta forma os feirantes apagarán as luces e a música das atraccións entre as cinco e as sete da tarde, durante a celebración das festas.

“Sen dúbida é fantástico saber que non hai que insistir para lograr este tipo de medidas que nos facilitan tanto as cousas e que a vontade política existe”, manifestou a presidenta da Asociación Autismo Vigo, Esperanza Domínguez.

“É unha gran iniciativa e demostra que hai unha sensibilidade clara por parte do actual executivo local de traballar a favor da inserción real das persoas que padecen un Transtorno de Espectro Autista (TEA)”, asegura Esperanza Domínguez, quen engade que se está dando un paso máis para “visibilizar unha cuestión que debe asumirse e normalizarse entre toda a sociedade”.

Esta iniciativa tamén favorecerá a outros colectivos con doenzas que se ven seriamente afectados polo exceso de ruído ou os escintileos de luz continuados como poden ser os enfermos de epilepsia.

Súmase esta iniciativa á tomada xa o pasado ano e que se repite na actual edición: a eliminación de bombas de palenque para non causar molestias a este mesmo colectivo e outros con situacións similares. Unha decisión adoptada tamén pensando nos animais “que non o pasan nada ben e dando un paso máis na procura de medidas para reducir a contaminación acústica”.

O rexedor lembra que co diñeiro que se investía nas bombas organizarase unha gran festa infantil o vindeiro domingo. O Concello de Gondomar instalará no Parque da Coelleira inchables para os máis pequenos que tamén poderán gozar dunha incrible festa da escuma.

“Animo a todos os veciños e veciñas, a todos os visitantes, a que se acheguen á nosa localidade, que gocen desta gran semana cultural do municipio de Gondomar, que celebramos na honra do noso patrón San Bieito”.