Sin categoría

Baiona e Pornic estudarán a posibilidade de realizar intercambios gastronómicos

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, recibiu este luns ao seu homólogo da localidade francesa de Pornic, M. Jean-Michel Brad, xunto á Tenente Alcalde Christiane Van Goethem, e Virginie Ringeard, Concelleira de Deportes e Actividades Marítimas, que estaban a pasar uns días en Baiona con motivo da décimo segunda Regata Pornic-Baiona.

Durante o encontro, a parte de intercambiar impresións sobre a regata, serviu para estreitar lazos entre o novo rexedor de Baiona e concelleiro da área de Actividades Marítimas co Alcalde de Pornic. Carlos Gómez mostrou todo o seu interese en seguir realizando intercambios sociais, culturais, económicos e ademais estudarán a posibilidade de realizar intercambios gastronómicos, que non se levaron a cabo nestes anos de irmandamento.

Pola súa banda Jean-Michel agradeceu a hospitalidade de Baiona facendo fincapé que este tipo de eventos son unha marabilla e desexando seguir fortalecendo, se cabe aínda máis, o crecemento das relacións entre os dous pobos e continuar organizando actividades lúdicas, deportivas, culturais etc, onde cobren protagonismo ambas as dúas vilas.

No relativo á regata, ambos destacaron que se trata dunha experiencia inesquecible que combina á perfección a práctica do deporte coa convivencia. Os veleiros participantes, acompañados por 2 veleiros de dirección, saíron o pasado mércores, día 3 de xullo, da vila francesa, aínda que nesta ocasión o vento xogoulles unha mala pasada e obrigo a suspendela.

As condicións meteorolóxicas e a falta de vento durante as últimas millas impediu á frota navegar a vela e as tripulacións tiveron que acender o motor para chegar ao Monte Real Club de Yates, punto final da etapa. Con todo dado o carácter desta proba, a organización decidiu premiar aos navegantes que chegaran a vela ao momento máis próximo ao porto de Baiona, recibindo de mans dos alcaldes de ambas as vilas os trofeos no Club de Iates.

Desde 1997

Baiona está irmandada desde 1997 con Pornic, localidade da Bretaña francesa de características similares á Real Vila, polo que son habituais os intercambios culturais, deportivos e educativos. En materia naútica celébrase esta regata que une os dous municipios, de ida e volta entre a costa francesa e a galega. Unha regata que se celebra cada tres anos entre estes dous portos, separados por 455 millas naúticas.