O Mago Teto ofrece en Baiona o seu espectáculo “Alquimia”

O Mago Teto ofrecerá este domingo 7 de xullo ás 22:00 horas na Praza do Concello de Baiona o seu espectáculo “Alquimia”, dentro da programación Baiverán 2019 organizada pola Concellería de Cultura.

Durante milleiros de anos, os alquimistas, nómades con grandes coñecementos nas matemáticas, na física, na química, na astroloxía e incluso no ocultismo, viaxaron cos seus laboratorios ambulantes por todos os lugares do mundo cun obxectivo concreto. Ese obxectivo era atopar a Pedra Filosofal.

O soño dos alquimistas era dominar a natureza, o lume, e finalmente o tempo. Crían que a pedra filosofal podería concederlles tanto a cura de todas as enfermidades para gozar da vida eterna como a riqueza, transformando metais en ouro. Cando conseguían estes logros, coñecíase como “A Gran Obra”.

Nesta nova aventura, o Mago Teto, tras varios anos estudando, experimentando e intentando descifrar a estraña simboloxía dos libros sobre alquimia, ponse na pel dos alquimistas perseguindo o seu soño e buscando a pedra filosofal; non para conseguir a riqueza e a vida eterna, senón a alquimia que está dirixida ao corazón, a felicidade. A felicidade do público e do propio mago e así lograr a súa “Gran Obra”.