Gondomar, anfitrión un ano máis do Festival de Bandas de Música

A Praza da Paradela acolleu este sábado a XVIII edición do Festival de Bandas de Música, que organiza a Agrupación Musical de Vincios, coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, e a Deputación de Pontevedra. Nesta ocasión acudiron como convidadas a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas e a Banda de Música Unión Musical de Cabral, de Vigo, ás que se sumou a banda anfitrioa da parroquia gondomareña de Vincios.

En total participaron este sábado no encontro máis de 170 músicos, que durante unha hora ofreceron un concerto composto por diferentes pezas, pensadas para que as persoas que se achegaron ata a praza pasasen un bo intre coa mellor música. A décimo oitava edición do festival coincidiu este ano coa celebración do 40 aniversario da creación da Escola de Música de Vincios, xerme da actual Banda de Música Agrupación Musical.