Investigan a un veciño de Gondomar por condución temeraria e sen carné

A Policía Local de Gondomar investiga un accidente de circulación ocorrido na mañá do domingo 30 de xuño, cando un vehículo de alta gama ocupado por dous homes desobedecía as indicacións e ordes de detención dunha patrulla policial e na súa fuga polo centro urbano de Gondomar causaba danos a un vehículo estacionado. Sen deterse continuou circulando a gran velocidade pola Alameda para perderse de vista dos axentes, que os perseguiron cara o barrio da Torre de Chaín onde se lles perdeu a pista.

Como resultado destas investigacións localizouse nunha finca o vehículo implicado, un Mercedes C-220, propiedade dunha veciña de Nigrán que manifestaba descoñecer os feitos a pesar de que o seu vehículo presentaba evidencias de impacto no seu frontal con restos de pintura.

Finalmente, no día de onte, rematadas as dilixencias, a Policía Local puxo a disposición do xulgado de garda de Vigo, a un home de 22 anos, veciño de Gondomar, pola súa autoría nun presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir de xeito manifestamente temerario, con desprezo para a vida e integridade física das persoas e carecendo de permiso de conducir, que xa o tiña retirado pola perda total dos puntos asignados legalmente.