Baiona terá catro días de festa na honra da Virxe do Carme

Finalmente Baiona terá festas na honra da Virxe do Carme. A Comisión que estivo durante os últimos catro anos organizando os festexos e que anunciou no 2018 o seu punto e final, acaba de anunciar que finalmente haberá catro días de celebración grazas a un “pequeno peto que nos quedara na Confraría de Pescadores”.

Así, o sábado 13 de xullo arrancará o programa previsto coa Discomóbil La Gramola. O domingo 14 ás 11:00 da mañá a charanga Vai de Baile ofrecerá un pasarrúas xunto cos Xigantes e Cabezudos. Ás 12:00 do mediodía fará a súa entrada a Banda de Música de Baiona, con posterior mini concerto. Pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase a Misa de Campaña na zona portuaria, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”, co recoñecemento ao mariñeiro e mariñeira de máis idade e posterior Danza das Espadas. A continuación, realizarase a Procesión Marítima, e ao finalizar, a recollida da Virxe do Carme na Capela da Misericordia, acompañada da Banda de Música de Baiona. Pola noite, a orquestra Aché será a encargada de amenizar a verbena.

O luns 15 a verbena estará amenizada pola orquestra Saudade. O martes 16 ás 12:00 do mediodía haberá unha tirada de fogos e pasarrúas a cargo da Banda de Música de Baiona. Ás 20:00 horas celebrarase a Misa Solemne cantada polo Coro de Homes “Voces Baioesas”, e a continuación sairá a procesión acompañada pola Banda de Música de Baiona e antes de recollerse, bailarase a Danza das Espadas en Santa Liberata. Pola noite, ás 23:00 horas, gran verbena coa orquestra Tango.