Baiona recibe aos aventureiros da “Ruta dos 18 heroes” para homenaxear a Diego Carmona e Vasco Gallego

Diego Carmona e Vasco Gallego foron dous grandes mariñeiros de Baiona que completaron a primeira circunnavegación ao redor da terra, a maior xesta histórica de todos os tempos, nos anos 1519-1522; e realizárona na Nao Victoria, xunto coa nave Juan Sebastián Elcano.

Con motivo de conmemorar o V Centenario daquel fito histórico nace o proxecto “Ruta dos 18 heroes” en referencia aos 18 mariñeiros sobreviventes que chegaron a Sevilla esgotados despois de realizar a 1ª Volta ao redor do Mundo a bordo da Nao Victoria.

A Ruta arrancou o pasado 31 de maio en Getaria, pobo costeiro onde naceu Elcano, e pretende finalizar o 10 de agosto en Sevilla, o mesmo día e lugar que partiu a expedición en 1519. O obxectivo desta Ruta é realizar unha camiñada histórica e percorrer os lugares natais dos mariñeiros sobreviventes, e entregar unha placa en cada un dos concellos das poboacións das que foron naturais os expedicionarios da histórica navegación.

Cumprindo co seu obxectivo dous peregrinos moi especiais visitaron esta mañá ao Alcalde de Baiona, Carlos Gómez e fixéronlle entrega de dúas placas en honra aos mariñeiros baioneses. Pola súa banda Gómez Prado agradeceu en nome de todos os veciños de Baiona este obsequio e lembrou que a Real Villa é un pobo mariñeiro intimamente ligado aos descubrimentos xeográficos, e que “os baioneses nos sentimos moi orgullosos de que dous veciños tan ilustres formasen parte e estean vinculados a un feito de relevancia universal”.

Cabe lembrar que Baiona tamén rendeu a súa homenaxe moi especial a estes mariñeiros pois hai dúas rúas do municipio co seu nome, ademais do monumento Rosa dos Ventos situado na entrada da Praia A Concheira.