Danza ao máis alto nivel en Baiona con Husling Dance

Pilar Husling xunto a un dos grupos de alumnos que compoñen os 97 matriculados na súa escola.

Os bailaríns profesionais Reinier Powell e Lara Alonso acudirán a Baiona para impartir senllas masterclasses nun clinic organizado polo estudo de danza Husling Dance dirixido por Pilar Husling, natural de Cuba e que conta cunha dilatada traxectoria profesional ás súas costas.

Husling formou parte do Show Ballet Tropicana e perfeccionou a súa técnica no Teatro Nacional de Cuba, así mesmo durante o seu periplo profesional acabou en Athenas onde deu o salto á televisión e mesmo foi profesora na prestixiosa escola Maya Sofú. Powell pola súa banda, é especialista en danza clásica e chegou a formar parte de coreografías de artistas de fama recoñecida como Lenny Kravitz, mentres que Lara Alonso, de Gondomar, acaba de gañar unha medalla de ouro da Copa do Mundo de Baile xunto ao seu equipo da escola de danza Media Punta de Vigo.

A iniciativa creada en 2018 pola compañía local ten como obxectivo achegar as diferentes modalidades do sector da man de profesionais referentes a nivel mundial como breakdance, hip hop, jazz, baile clásico ou latino, entre outros. Ademais a cita non só limitarase á danza como tal senón que estarán complementadas con outras actividades como obradoiros de vestiario para coreografías, exercitarán o sentido musical e aprenderán a identificar diferentes instrumentos así como a súa procedencia. Debido á exclusividade da experiencia esta conta con tan só un total de 20 prazas das cales 17 xa están cubertas por alumnos da zona e de diferentes puntos de España como Zamora, desenvolverase do 1 ao 12 de xullo.

A paixón que sente Pilar Husling polo mundo do baile é total, algo que leva practicando de maneira ininterrompida desde os 16 anos, por iso ademais do clinic tamén celebrarán o festival “Variêtés” este sábado 6 de xullo ás 17:30 horas no Auditorio V Centenario de Baiona ao que acudirán tamén Powell e Alonso, participará parte do alumnado da escola baionesa ademais de Estudio 57, Amani Deneb e o solista Manuel Dacosta con entrada gratuíta. “O mundo do baile non é unha soa moda nin un só xénero e isto é o que queremos mostrar ao resto a través desta cita”, explicou Husling. Para poder levar esta iniciativa adiante recibe a incondicional axuda do seu marido que se encarga de tarefas organizativas, así como de patrocinadores locais e do Concello que lles cede as instalacións municipais para poder levar a cabo a actividade. “A idea é quedarnos como ao principio desde o punto de vista económico, limitámonos a custear os desprazamentos e estancia aos invitados, pero non o facemos para gañar diñeiro”, explicou. A idea está a dar as súas primeiras rabexadas pero ten un obxectivo moi definido, facer partícipes ás escolas do sur de Pontevedra mentres que fusionan teatro, danza e música.