O Monte Real recibe en Baiona aos navegantes do histórico Royal Cruising Club

O Monte Real Club de Yates recibe estes días en Baiona aos 25 barcos que participan nun dos rallies do histórico Royal Cruising Club, unha das asociacións de cruceiristas máis importantes do mundo. Uns 60 navegantes recalaron no club baionés para poñerlle punto e final a dúas semanas de travesía.

Son na súa maioría cruceiristas británicos cunha media de idade de 55 anos que viaxan con amigos ou familia en veleiros duns 13 metros de eslora, movidos principalmente polo seu amor polo mar. Pertencen ao selecto e exclusivo grupo de 400 socios dun club creado en 1880 baixo o liderado de Arthur Underhill para promover a navegación a vela a través de rallies como o realizado este verán a Galicia ou o lanzamento de diferentes publicacións sobre navegación.

Tras pasar por Coruña, Portosín e as Illas Cíes, e visitar a catedral de Santiago, o pazo de Rubianes ou o castro de Baroña, entre outros puntos destacados, os cruceiristas, que elixiron o Monte Real Club de Yates como colofón para a súa travesía a vela, gozan estes días de Baiona e os seus arredores.

Esta tarde, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, participará nun acto no que membros das xuntas directivas do Monte Real e o Royal Cruising Club realizarán un intercambio de grímpolas como símbolo de amizade entre ambas as dúas entidades. Por parte da asociación británica estarán o seu comodoro e vicecomodoro, Paul Heiney e Nick Chavasse; e por parte do club baionés, o vicepresidente Alejandro Retolaza, e a vicecomodoro e o secretario, Genoveva Pereiro e César Fernández-Casqueiro.

Unha vez finalizado o acto, os navegantes participarán nunha pequena festa organizada polo Monte Real en exclusiva para eles, na que poderán degustar diversos produtos típicos da gastronomía galega, como marisco, pementos de Padrón, torta de Santiago ou viños Terras Gauda.

Anuncios