Querido, a banda galega que se fixo viral en toda España este verán, clausurará o Season Fest

Querido, o grupo que este verán conseguiu viralizarse tras debutar no Náutico de San Vicente e estar apadriñados por Leiva, clausurará o seu primeiro festival, o Season Fest, que se celebrará en Gondomar do 21 ao 24 deste mes.

O xoves da semana que vén arranca o derradeiro festival do verán galego cun cartel ateigado de propostas consagradas e emerxentes do panorama indie nacional. Con dous escenarios instalados en dous lugares distintos da localidade, O Parque das Ánimas e a Casa Peralba, o público poderá gozar dos distintos concertos programados os catro días que dura un dos festivais máis singulares dos que se celebran en Galicia. Dous recintos que quedan a menos dun minuto do edificio do Concello, en pleno centro urbano de Gondomar.

Por outra banda, o Season Fest coincide coa celebración da feira gastronómica itinerante Rilla na Rúa, que se usará como zona gastro do festival.

Horarios e recintos

A organización do festival fai públicos os horarios da programación. Deste xeito, o concerto de Pablo Novoa & Friends que pon en marcha o xoves o 5º aniversario do Season Fest, dará comezo ás 19:30h. no escenario Fest Galicia, emprazado na Casa Peralba, un dos dous recintos do festival. O venres, no mesmo escenario, a programación arranca ás 17:00h con Señora Dj. Ás 18:15h empezan os concertos con Habitación Vudú, seguidos de Sr. Jingles (19:30h.), Visions of Johanna (20:50h.) e Los Punsetes (22:15h).

O sábado, o público poderá acceder ao recinto da Casa Peralba ás 12:30h. e gozar dos concertos de Xenia (13:00h.), Aeronave Adolescente (16:15h), Margarita Quebrada (17:30h) e Anabel Lee (19:30h.). Xa pola noite, cambio de recinto para gozar no escenario Vibra Mahou instalado no Parque das Ánimas con Divergente DJ, a partir das 20:00h. A partir de aí, sucederanse os concertos de Xoel López, ás 21:00h., Iván Ferreiro, ás 22:50h. e Triángulo de Amor Bizarro, ás 0:45h.

O domingo do Season Fest arranca ás 14:00h. coa banda portuguesa Capicúa. Xa pola tarde, a programación ponse en marcha ás 15:00h. con Abraham Boba Dj Set e continuará cos concertos de Firmado, Carlota (16:30h.), Lusillón (17:45h), Tarde a Todo (19:00h.) e un dos grupos revelación deste ano, a banda Querido liderada por Andrés Ferreiro que se presentou este ano no Náutico de San Vicente apadriñada por Leiva.

Venda de entradas e menores de 14 de balde

Dende a organización informan de que os abonos para desfrutar dos 4 días do festival xa están esgotados pero aínda quedan dispoñibles abonos para 3 días e entradas de día. O público que queira asistir ao Season Fest pode mercar xa as entradas e abonos na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15% de desconto. As e os menores de 14 anos poderán acceder aos dous recintos de balde.

O primeiro festival que elimina o cashless

A organización do Season Fest tomou a decisión de eliminar o pago por cashless “para facilitarlle a vida ao público”. Aseguran que, aínda que saben que mellora os ingresos dos festivais, non é certo que sexa un método que sexa mellor para o usuario. “No Season Fest vés cos teus cartos, pagas cos teus cartos e vaste cos teus cartos, sen facer colas nin cubrir formularios de devolución”, sinala.

O festival contará unha vez máis co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo. Tamén colaboración de empresas como el Grupo HGA.