“El Sabor del Gofre” de Queimada Gastrobar gaña a oitava edición de Bai de Tapas

O Concello de Baiona desvelou hoxe os gañadores da oitava edición do concurso Bai de Tapas, en base aos votos do xurado popular e profesional, e entregou aos consumidores os premios sorteados polos establecementos participantes.

A tapa “El Sabor del Gofre”, de Queimada Gastrobar, alzouse co primeiro premio do xurado popular. O segundo foi para a “Tosta de Bacalao Ahumado Olivando”, do Olivando, mentres que o terceiro premio foi para “Dumpling Galaínca”, do Camu Camu. Ademais, o Premio do Xurado Profesional á Mellor Tapa recaeu en La Crep, coa súa “Caprese Siglo XXI”, que ademais do diploma recibiu un premio de 200 €, achegado polos patrocinadores.

O acto tivo lugar no salón de plenos do Concello de Baiona. O VIII Concurso de Tapas de Baiona, “Bai de Tapas”, celebrouse entre o 9 de maio ao 2 de xuño. Ao acto asistiron o alcalde, Carlos Gómez; o presidente de Aceba (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona), Marcos Comesaña, os representantes das Bodegas HGA, así como os establecementos participantes e os consumidores premiados.

A participación no concurso foi moi numerosa e segundo a orixe, destacou a chegada de consumidores da área de influencia da Vila, especialmente participantes de Val Miñor, Vigo e Baixo Miño, aínda que tamén se contabilizaron participantes doutros municipios da provincia de Pontevedra. Hai que engadir os consumidores procedentes doutras provincias galegas, de Madrid, León, Segovia, Zamora, Asturias, Xaén, etc., que quedaron encantados coa iniciativa.

O alcalde, Carlos Gómez, agradeceu o esforzo dos establecementos participantes no concurso e destacou a importancia do evento, como un dos clásicos no calendario de eventos de Baiona.

Antes de desvelar aos gañadores do certame, levouse a cabo a entrega dos premios aos consumidores. Os establecementos achegaron máis de vinte e tres premios, e a organización achegou o primeiro, consistente nunha “Estancia con experiencias nas Villas Marineras”. Ademais, Bodegas HGA fixo entrega dunha noite para dúas persoas no Talaso Augas Santas, con percorrido mariño, cea, comida e visita con degustación ás adegas Regina Viarium.

Anuncios