Fin de semana exitoso para o Xadrez Laroca

Este pasado fin de sema estivo cheo de éxitos para os xadrecistas do Val Miñor. Mireya Represa conseguiu o segundo posto no XI Torneo Internacional Carlos I celebrado na localidade de Sanxenxo entre o 22 e o 30 do pasado mes de xuño e pertencente ao Circuíto Galego de xadrez. Mireya, partindo do posto 28 da clasificación inicial, conseguiu rematar na segunda posición despois de nove xornadas, perdendo tan só co gañador do torneo, o gran mestre David Lariño. Mireya impúxose a dous gran mestres, Alfonso Romero e José Carlos Romero, nunca ata este torneo a xadrecista de Baiona conseguira gañar a grandes mestres, e neste torneo gañou por partida dobre.

Mauro Sanromán tamén rematou segundo no Torneo XI Open Internacional de Ajedrez Ciudad de Tres Cantos-B. Celebrado na localidade madrileña de Tres Cantos entre o 22 e o 30 do mes pasado, Mauro partía da posición 40 da clasificación inicial, e despois de nove xornadas rematou no segundo lugar con tan só unha derrota.

Artai Bringas proclamouse campión do III Torneo Festas de Goián, celebrado a sete roldas cun tempo de 15 minutos. Artai rematou invicto con seis puntos e medio.

Por outra banda a selección galega cadete, da que formaban parte os laroqueiros Artai e Ana, remataron na quinta posición da xeral no Campionato de España por Seleccións. Neste campionato destacar o gran papel da selección infantil, que rematou na segunda praza.