The Mirror gaña o Certame de Mellor Canción Galega “Os Bardos” de Baiona

Baiona celebrou este sábado a Gala Final do Certame de Mellor Canción Galega “Os Bardos”, organizado pola Concellería de Cultura co obxectivo de impulsar, recoñecer a creación, a diversidade, e a calidade da música feita por galegos en lingua galega. Nesta primeira edición presentáronse un total de 17 cancións de distintos estilos musicais, sendo preseleccionadas polo xurado 10, que pasaron directamente á final. Todos os concursantes defenderon a súa canción nunha gala que foi presentada por Rafa Durán, actor, presentador, cómico e showman baionés.

The Mirror, composto por Alejandro Vasconcellos (voz e guitarra), Tania Rodríguez (voz), Pablo Doallo (voz e guitarra), Óscar Román (batería) e Gorio Álvarez (baixo), substituído na gala por Irene Táboas, conseguiu o primeiro premio outorgado polo xurado, integrado por Urbano Cabrera Rodríguez, cantautor galego, Lucía González Alar, Licenciada en Filoloxía Inglesa, e Gabriel Rodríguez Rodríguez, Director da Escola Municipal de Música e da Banda de Música de Baiona, consistente en 600 euros e unha actuación dentro do programa Baiverán 2019 o próximo 9 de xullo ás 23:00 horas.

Así, o tema “Nada é noso”, composto pola cantante do grupo, converteuse na “Mellor Canción Galega” do 2019. Coa súa proposta para o certame “Os Bardos”, The Mirror desbáncase lixeiramente do seu estilo predominante para deixarse mergullar nun son máis próximo ao country ou ao folk, algo máis tradicional e máis próximo ás raíces galegas de todos os integrantes. Trátase dun tema con referencias á natureza, cun ton en ocasións reivindicativo, en ocasións romántico e cunha mensaxe libre de interpretación pero que non deixa indiferente.

O grupo The Mirror naceu hai un ano no Val Miñor con músicos que contan con moitos anos de experiencia en diferentes proxectos independentes. Da mestura dos múltiples estilos dos integrantes nace unha banda fresca, ecléctica e potente, con moitas influencias do rock, funk e o soul. Interpretan temas orixinais, de creación propia e tamén algunha versión.

Segundo e terceiro premio

O segundo premio, de 400 euros, foi para o grupo Momboi, formado por Beny Mayo (batería), “Carba” García (baixo e voces), André Garabato (teclado e sintetizador) e Brais Sánchez (guitarra e voz principal), coa canción “Osvaldo”, escrita polo seu cantante. Momboi nace en Santiago de Compostela en 2018 coa idea de mesturar o folk/rock alternativo coa música de raíz latinoamericana. Baixo este principio comezan a gravar o seu primeiro disco que sairá este verán e do que xa se presentaron dous adiantos, “Osvaldo” e “Uxía”. Dous cortes ben diferentes, pero que resumen o gusto e as influencias do grupo. Proceden de estilos e bandas moi diferentes: Monoulius DOP, Espiño ou Gancho Sanches, todas elas da variada escena galega. En Momboi, buscan aglutinar estilos baixo un mesmo son que os defina.

O terceiro premio, de 250 euros, foi para “A túa pegada” de Lucía Doval, de Nigrán. Graduada na especialidade de piano polo Conservatorio Profesional de Música de Vigo e graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Amante da música e das linguas a partes iguais. A harmónica ensinoulla a tocar o seu pai. “A túa pegada” está dedicada a unha antiga profesora de lingua galega que coa súa profunda vocación transmitiu por centos de estudantes a súa paixón pola lingua, a súa loita pola liberdade e a súa calidade humana. É unha obra intimista que se dirixe a ela directamente, a modo de agradecemento e despedida, e que pretende dar voz a todo o colectivo estudante que leva na esencia a súa pegada.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.