O PP de Gondomar urxe o Concello a reparación inmediata do parque infantil da Feira

O Partido Popular de Gondomar, por medio da súa presidenta Paula Bouzós, denuncia a falta de mantemento do parque da Feira dos seus elementos infantís, “os cales están en pésimas condicións, poñendo en perigo a integridade física dos cativos que a diario xogan no mesmo”.

Durante unha visita feita ao parque tras varias comunicacións feitas por veciños da vila, os membros do Partido Popular de Gondomar aseguran terse atopado cun escenario dantesco, con casetas rotas, elementos de xogo dos cativos nun lamentable estado, bancos con falta de madeira e con ferros cortantes oxidados á vista, farois rotos e cos cables ao descuberto, falta de lousas de pedra, fontes e estanques rotos, etc.

“Este parque vese adoecido a un cambio integral, xa que practicamente todos os elementos de xogos dos cativos están rotos ou con falta de materiais. Moitos destes danos foron producidos durante a poda das árbores existentes no parque e que non foron reparados no seu momento”.

Paula Bouzós urxe ao mesmo tempo a reparación dos farois de iluminación, sobre todo na paseo da parte superior onde a práctica totalidade das mesmas están en pésimas condicións, incluso con cables ao descuberto, o que supón un risco para os usuarios do parque, non só polo perigo dos elementos en mal estado, senón tamén pola falta de iluminación.

“Estamos de acordo en que hai que facer novos parques e prazas, pero é mais importante conservar as que xa temos, sobre todos cando falamos da seguridade dos cativos e dos usuarios do parque», matiza a presidenta do PP gondomareño.

Por todo isto o Partido Popular de Gondomar esixe ao alcalde que a maior brevidade garanta a seguridade do parque e que se arranxen todos os estragos existentes no parque, polo ben da veciñanza.

Pola súa banda, o alcalde, Paco Ferreira, acusa o Partido Popular de oportunista. “O PP de Gondomar decatouse que hai un parque na Feira cando viron que o estabamos arranxando. Claro, se nos seus paupérrimos anos que estiveron na alcaldía (que non é o mesmo que gobernar), dedicásense a traballar, hoxe Gondomar sería outro. Denunciar o que está mal despois de anunciar o goberno as obras e poñerse con elas, só ten un nome, oportunismo político”.

Anuncios