Denuncian a un xinete veciño de Nigrán por dar positivo en alcoholemia

Efectivos do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño denunciaron a un xinete que transitiva pola estrada, no municipio de Nigrán, a lombos dun cabalo baixo os efectos do alcol.

A incidencia detectouse durante a madrugada do día de onte no marco do dispositivo especial de seguridade viaria que tiña establecido o Destacamento de Tráfico do Porriño, na comarca do Val Miñor, co propósito de asegurar a seguridade viaria na zona e evitar posibles accidentes, debido á gran afluencia de persoas que acudían ás fogueiras de San Xoán.

Nun dos controis de alcoholemia que se estableceu á altura do Km. 0,800 da estrada EP-2106, a escasa distancia da localidade de Nigrán, onde se estaba realizando unha das fogueiras máis multitudinarias da zona, os efectivos que integraban o dispositivo observaron como un xinete achegábase ao momento de verificación cabalgando dun lado ao outro da calzada sen exercer ningún control sobre o cabalo, sen peza reflectora e nunha zona sen iluminación, o cal é motivo de infracción ao Regulamento Xeral de Circulación.

Por iso, tal como disponse nesta normativa, como infractor, o xinete, foi requirido para realizar a proba de alcoholemia que deu resultado positivo: 1,18 e 1,10 miligramos de alcol por litro de aire expirado.

Este veciño de Nigrán, de 46 anos, foi denunciado por vía administrativa, non soamente pola alcoholemia positiva, senón tamén por transitar de forma neglixente pola calzada poñendo en evidente risco aos demais usuarios da vía.

Finalmente, unha dotación do punto de control acompañou a este xinete ata o seu domicilio, xa non só para evitar que volvese utilizar o cabalo no estado no que se atopaba, senón tamén para darlle visibilidade e seguridade no traxecto polo que tiña que transitar ata chegar á súa casa.