Domingo acrobático no Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra, onde se celebrou o Campionato Galego Escolar. O Acro Club Nigrán acadou tres medallas, dúas en parellas femininas benxamín e alevín e outra por equipos, na categoría benxamín.
Aroa Lago e Blanca Santos, parella feminina benxamín, acadaron a primeira medalla, de ouro, para o equipo de Nigrán. Non houbo que esperar moito máis para que Ada Zapatero e Sara García acadaran a segunda, prata na categoría alevín.
Por equipos, gran alegría cando, desde megafonía anunciaban a segunda posición para o Acro Club Nigrán. “Unha sorpresa e unha gran alegría para todas”, di Aarón Castro, o adestrador de Nigrán.
“Estou satisfeito coa participación do equipo nesta derradeira proba da tempada. Agora toca desfrutar un pouco do conseguido e xa pensar na próxima. Xa estou emocionado só con pensar en todas as sorpresas que temos preparadas para a tempada que vén”.


