O novo regatista vigués Pablo Marquina, de 12 anos, resultou gañador, este domingo en Baiona, da Liga Social Baitra do Monte Real Club de Yates, unha competición que o club baionés organiza de setembro a xuño para nenos de entre 7 e 17 anos.
Tras as probas finais celebradas esta fin de semana, Marquina impúxose sobre o resto dos regatistas que competían na clase Optimist. Logrou revalidar así o triunfo logrado en 2018, cando se alzou por primeira vez coa vitoria do campionato que o Monte Real organiza cada ano en Baiona da man de Baitra Accesorios Navales.
E fíxoo con superioridade, xa que, con 38 puntos finais, estableceu unha diferenza de 7 puntos co seu rival máis directo. O que foi o seu adestrador durante todo o ano, Samuel Montouto, asegura que a vitoria final do pequeno Marquina é froito dunha progresión continua baseada no gran traballo realizado polo deportista nos últimos meses. A súa actitude metódica, controlada e ordenada, e as súas ansias por alcanzar a perfección son, segundo Montouto, as claves dos seus bos resultados.
O segundo e terceiro posto da Liga Social foron para Martín Montes e para o irmán maior de Pablo, Yago Marquina, de 11 e 13 anos respectivamente, que levaron a prata e o bronce con 45 e 58 puntos.
Ambos mantiveron unha moi boa traxectoria ao longo de toda a tempada e non defraudaron nas últimas dúas xornadas disputadas esta fin de semana. De feito, Montes foi o mellor da fin de semana, logrando 4 primeiros postos nas últimas 5 probas disputadas.
Na entrega de premios aos gañadores, celebrada este domingo en Baiona, participaron, ademais de numerosos familiares e amigos dos regatistas, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o presidente, comodoro e vicecomodoro do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, Fernando Yáñez e Genoveva Pereiro. Tamén Susana Méndez, de Baitra Accesorios Navales, empresa patrocinadora do evento e unha das principais impulsoras da vela infantil en Galicia.
A clausura da Liga Social Baitra pon o punto e final á tempada 2018-2019 da Escola de Vela do Monte Real e marca o inicio da súa programación de verán, que ofrece múltiples opcións de lecer tanto para que nenos e maiores poidan aprender a navegar a vela e gozar do mar en Baiona.
Campamentos diúrnos de vela e cursos semanais de vela lixeira son as propostas destinadas aos máis pequenos da casa, de entre 7 e 16 anos. Para adultos, o club baionés ofrece a posibilidade de realizar cursos semanais de vela cruceiro e cursos para aprender a navegar nun día. A programación estival complétase con actividades de navegación a vela á tardiña ou navegacións a vela ata as Illas Cíes, destinadas a un público máis familiar ou grupos de amigos.









