Ouro e prata para o Gondomar Acro Club no Campionato Galego Escolar

Este domingo celebrouse, no Polideportivo Príncipe Felipe en Pontevedra, o Campionato Galego Escolar de ximnasia acrobática. O Gondomar Acro Club presentaba 6 ximnastas repartidos en dous tríos: benxamín e alevín.

O GAC contou as súas participacións por medallas, acadando un 100% de efectividade. A primeira das medallas caeu da man do trío benxamín formado por Gabriela Baltar, Xián Carballal e Candela Alonso, ollo, a tan só trinta e catro centésimas das primeiras clasificadas.

Houbo que esperar á quenda dos tríos alevíns para que Inés Román, África Otero e Lucía Cousiño subiran ao máis alto do podio para alegría das familias presentes.

“Foi unha tempada de crecemento deportivo e persoal no club. Estou moi orgullosa do que se viu na pista por parte do meu equipo. Os campionatos escolares son competicións moi disputadas na modalidade de tríos, por iso ten máis valor, se cadra”, destacou Cristina Castro, adestradora do GAC.

“Agora toca reflexionar sobre a tempada e valorar as posibles accións para a que vén. Estou segura que, co apoio das familias e do Concello de Gondomar, daremos moitas máis alegrías”, conclúe a adestradora.

Están abertas as inscricións para os campus que organiza o club no IES Auga da Laxe. Para recibir máis información se pode escribir a info@gondomaracro.com ou ben no teléfono 615 028 722.

2019-06-23 - 20190623115106_IMG_6211