O CPA Gondomar termina a súa alfombra floral baixo a choiva

Antes das dúas da madrugada deste domingo e tras unha xornada de traballo pasada por auga constante deuse por finalizada a alfombra floral do Club de Patinaxe Artística de Gondomar.

Foron 14 días de esforzo do CPA Gondomar con múltiple recollida de plantas como mimosa, funcho, mirto, labras varias, rosas de cores e alto contido en diversidade de hortensias e demais flores para esfollar, remollar e elaborar así a alfombra floral deseñada por Jose Alonso González, coñecido como Pepe, un especialista en alfombras florais desde hai décadas que este ano tivo que inxeniar novos métodos debido a que a alfombra do CPAG sitúase sobre a nova Praza do Concello de Gondomar.

Contaron ademais coa gran colaboración dos integrantes do club; pais, nais, patinadores, así como da súa directiva e demais colaboradores, entre eles o Centro Cultural de Borreiros. Na alfombra de Corpus Christi do CPA Gondomar, situada fronte ao Concello, os nenos e nenas que recibirán este domingo a súa Primeira Comuñón na Igrexa de San Bieito, rematarán o seu percorrido xunto ao párroco, cun deseño deportivo e relixioso composto por unha patinadora no núcleo da alfombra.

Un gran traballo feito cun importante obxectivo: en primeiro lugar colaborar co Concello, que solicita axuda para que esta gran tradición non se perda nin quede no esquecemento, sendo esta noite o alcalde, Paco Ferreira, o primeiro en colocar funcho na alfombra, dando inicio á elaboración da mesma. E segundo, conseguir axuda económica para o propio CPA Gondomar, que tras acudir fai un par de meses a un Campionato de Europa atópase a uns días do Campionato do Mundo, que se disputará en Barcelona o 13 de xullo.