Gondomar amence cuberto de flores para celebrar o Corpus

Gondomar volveu ser fiel a unha das súas tradicións máis arraigadas, a celebración do Corpus Christi, amencendo este domingo cuberto de alfombras florais confeccionadas durante toda a noite polos propios veciños, desafiando ás condicións meteorolóxicas. Motivos xeométricos, florais, relixiosos… a realización dos tapices florais en Gondomar conta cunha tradición de antigüidade semellante á doutros concellos da contorna. Con todo, o Corpus Christi da vila condal presenta unha particularidade que a diferenza. Trátase da alfombra da escalinata de San Bieito, un tapiz floral que cobre os 40 chanzos que a compoñen.

Procesión ata o Concello

A procesión comezou ás 13:30 horas desde a Igrexa Parroquial, despois da Solemne Misa de Corpus Christi, na que se celebraron as tradicionais comuñóns. A comitiva partiu da escalinata de San Bieito acompañada pola Agrupación Musical de Vincios, e percorreu a Alameda, as rúas Eduardo Iglesias, Elduayen, Portugal e Manuel Alonso para deterse na recentemente remodelada Praza da Paradela. Ao regreso á Igrexa discorreu por Párroco Mariño e Manuel Losada.

Semanas de traballo e participación veciñal

Desde hai semanas, os veciños recolleron as flores e comezaron os preparativos dos deseños. Grazas ao esmerado traballo dos diferentes colectivos de Gondomar -CPA Gondomar, Asociación de Entroido O Millor de Cada Casa, Comisión de Festas Santa Mariña de Vincios, Asociación de Mulleres Rurais San Bieito, Novos Aires de Couso, Asociación de Veciños de Mañufe, Asociación de Danza LDanzia, Asociación Española de Ictiosis e ONG Abay Etiopía- que colaboraron coa Concellería de Cultura na confección e deseño das oito alfombras florais, un ano máis, conseguiron que o Domingo de Corpus Gondomar espertase coas rúas cheas de cor.

Tras duras semanas de traballo, a xornada do sábado poñía punto e final a todos eses preparativos e daba comezo a verdadeira confección dos mantos. Desde as 18:00 horas, e ata ben entrada a madrugada, centos de veciños déronse cita para poñerse ao choio e trasladar ás rúas do municipio os deseños dos tapices, desafiando ás condicións meteorolóxicas.

Centos de veciños e visitantes achegáronse durante toda a mañá a Gondomar para visitar as rúas do centro urbano e contemplar as alfombras en todo o seu esplendor antes da procesión.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios