O 061 de Galicia aconsella precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume na noite de San Xoán

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, recomenda ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da Noite de San Xoán.

Un ano máis, a Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal na franxa horaria que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Así, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico, as queimaduras, as alteracións da consciencia, as caídas e mareos, e as lesións producidas no ámbito das cacharelas constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 considera imprescindible transmitir á cidadanía os seguintes consellos de prevención durante a celebración desta festividade.

En primeiro lugar, as tradicionais fogueiras supoñen un compoñente de perigo, tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume, se debe evitar que os nenos se acheguen as fogueiras e extremar as precaucións se se achegan ao lume.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella situarse de costas á dirección do vento, evitando que as chamas e o fume se dirixan cara vostede, para non sufrir as lesións causadas polo lume e por inhalación de fumes, especialmente se sofre dalgunha patoloxía respiratoria.

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao chan e revólquese ou quede quedo mentres as apagan.

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil no caso de consumir alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

San Xoán 2018

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na Noite de San Xoán do pasado ano 55 intoxicacións, 10 accidentes de tráfico, con 21 persoas implicadas, e nove queimaduras provocadas polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 18,00 horas, do sábado 23 de xuño, ata as 09,00 horas, do domingo 24 de xuño. O 061 asistiu, ademais, 27 incidencias por alteracións da consciencia, caídas e mareos, e lesións producidas en relación coas cacharelas.

A Coruña e Pontevedra con 22 intoxicacións etílicas ou por drogas foron, ambas as dúas, as provincias que rexistraron o maior número de atencións, seguidas de Lugo con nove e Ourense con dous. Para asistir ás 55 intoxicacións, o 061 de Galicia desprazou unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, un médico de atención primaria, 38 ambulancias asistenciais e cinco ambulancias convencionais. Das 55 persoas atendidas, 22 foron atendidas no punto e non requiriron traslado, 12 foron trasladadas ao centro de saúde e 21 a un centro hospitalario.

As persoas atendidas por queimaduras polo persoal sanitario do 061 na Noite de San Xoán foron nove. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu na Coruña cinco casos, tres en Pontevedra e un en Lugo. As idades das persoas asistidas atopábanse entre os catro e os 54 anos, sendo sete homes e unha muller. Do total dos pacientes, tres asistíronse no lugar sen requirir traslado e seis se trasladaron a un centro sanitario.

No caso dos accidentes de tráfico, asistíronse 21 persoas, en 10 accidentes de tráfico, unha das cales faleceu no punto. Os accidentes producíronse do seguinte xeito: seis na provincia da Coruña, dous na provincia de Lugo e un nas provincias de Pontevedra e Ourense respectivamente. Para atender ás 21 persoas asistidas, mobilizouse nunha ocasión un helicóptero medicalizado, 10 ambulancias asistenciais, dúas ambulancias convencionais e dous médicos de atención primaria. Do total de persoas atendidas, 20 foron trasladas a un centro hospitalario e unha faleceu no punto.

Anuncios