Sin categoría

Ciclismo Oiense presenta a súa VII Marcha Cicloturista

Na tarde deste venres, Ciclismo Oiense deu a coñecer no hotel A Raíña en Oia os percorridos da súa habitual marcha cicloturista, que este 2019 alcanza a súa sétima edición. Ao evento acudiron a alcaldesa de Oia, Cristina Correa; a deputada provincial, Montse Magallanes; e Guillermo Sande, seleccionador galego de ciclismo. Tamén estiveron presentes no acto outros representantes políticos do concello e un numeroso público.

A marcha homenaxeará á corredora porriñesa Chus Barros, o próximo 21 de xullo. A organización preparou un percorrido vistoso de 105 km que sairá de Oia e pasará pola Guarda, Camposancos, O Rosal, Goián, Tomiño, Alto de Pinzás, Sabarís, Baiona, novamente Oia para ascender a Cruz de Pau e o Alto da Valga. Haberá varios percorridos e tres tramos libres con diferentes dificultades. Todos aqueles corredores que finalicen o tramo longo recibirán unha medalla conmemorativa e os 100 primeiros inscritos unha camiseta conmemorativa. Ademais, os corredores terán á súa disposición avituallamento líquido e sólido e a posibilidade de múltiples agasallos no sorteo final.

O evento tamén serviu para presentar aos corredores do equipo de competición de Ciclismo Oiense, nas categorías de máster e elite e sub23. Desde o conxunto azul chamaron ás autoridades e á empresa privada para impulsar o proxecto a nivel económico, lembrando os grandes resultados cultivados na presente tempada, especialmente nos campionatos de Galicia de fondo e contrarreloxo.