Patos acolle a undécima edición do Surfing Day

FOTO: PATOS SURF CLUB

O vindeiro domingo 30 de xuño celebrarase a undécima edición do Patos Surfing Day, que se concibe como unha xornada na que compartir e facer descubrir a todos a cultura do surf, nun ambiente de festa. A nivel mundial o “surfing day” é unha xornada de “portas abertas”, unha gran ocasión para descubrir o marabilloso mundo das ondas e do surfing. Durante este día é posible probar produtos, coñecer a surfeiros profesionais e compartir valores de convivencia e respecto polo medio ambiente. Nela participan conxuntamente 31 países, máis de 3.000 actividades e aproximadamente 30.000 participantes. En definitiva, é unha boa escusa para inaugurar a tempada estival, poñerse o bikini ou o bañador e gozar do mar.

Con motivo do Día Internacional do Surf na Praia de Patos espéranos unha xornada que ten como obxectivo ensinar e promover o surf en todas as súas variantes (Bodyboard, handboard, skateboard e paddlesurf). Outra das novidades son as “Xornadas de portas abertas para os veciños de Nigrán”, co obxectivo de dar a coñecer entre os veciños e veciñas unha actividade pola que xa é famoso o municipio lonxe das súas fronteiras. Os interesados en participar deberán inscribirse no correo atencioncidada@nigran.org. Aos máis de 250 inscritos a coller a súa primeira onda, únense os surfeiros habituais de Patos para o acontecemento do ano na praia, que ademais marca o comezo das vacacións de verán.

Esta undécima edición estará organizada pola Asociación de Escolas de Surf de Patos (AEESP). Durante este día, as escolas presentarán ao público a cultura e o deporte do surf a través de cursos, obradoiros e diferentes actividades completamente gratuítas. Tamén darán a coñecer e compartirán valores de convivencia e respecto ao medio ambiente. Entre as actividades do Patos Surfing Day 2019 destacan cursos gratuítos de surf, uso gratuíto do material, ioga, test de táboas de surf SOFT e Handboard, Ioga surf, xincanas, música en directo, e moitas sorpresas máis.

HORARIOS PREVISTOS

10:20 a 10:30 Repartición de acreditacións aos inscritos
11:00 a 12:00 Curso de iniciación ao surf
12:00 a 14:00 Surf escolas
14:00 a 16:00 Grellada Surfeira
16:00 a 17:30 Curso gratuíto surf Concello de Nigrán
17:00 a 17:30 Ioga surf
16:30 a 18:30 Actividades e xogos
18:30 a 19:00 Recollida colectiva de lixo na praia
18:30 a 19:00 Clausura do Surfing Day 2019

Anuncios