Pasaron 40 anos dende que D. Xulio Costas Davila e D. Guillermo Costas Valverde puxeran a camiñar a escola de música de Vincios e por iso este sábado 22 de xuño ás 20:00 horas conmemórase este feito na Casa Reitoral de Vincios cun acto nomeado “Unha viaxe pola historia da agrupación”, no que participarán os alumnos da escola e actuarán as bandas da Agrupación Musical de Vincios (infantil, xuvenil e a propia A.M de Vincios), o coro dos alumnos da escola e o coro da Agrupación.
A Escola de Música da Agrupación Musical de Vincios comeza a súa andaina no ano 1979 por iniciativa, dos veciños de Vincios, D. Xulio Costas Davila e D. Guillermo Costas Valverde. Polo tanto, neste ano 2019 celébrase o 40 Aniversario da súa posta en marcha.
No ano 1982 fúndase a asociación Agrupación Musical de Vincios onde se integra a Escola, a Banda e o Coro da Agrupación. Foi no ano 2015 cando se inscribiu no Rexistro de Escolas de Música da Xunta de Galicia.
Actualmente e dende xullo de 2018 o director da escola é D. Adrián Viñas Alonso que tamén dirixe as Bandas da Agrupación.
A Escola conta cun persoal de 12 profesores que imparten clases de Música e movemento para nenas e nenos a partir dos 4 anos, Linguaxe Musical, grupo de adultos e 12 especialidades instrumentais. Ten matriculados 130 alumnos de tódalas idades que, segundo o seu nivel de estudos, intégranse nas bandas Infantil, con 33 compoñentes, e Xuvenil, con 29. Todos eles estudan con ilusión para chegar a formar parte da Banda de Música da Agrupación Musical de Vincios.
As bandas Infantil e Xuvenil da Agrupación veñen dando concertos no seu Concello de Gondomar e nos concellos lindeiros. De igual xeito, levan participado en diferentes festivais, coma este, aos que son convidadas.

