Sin categoría

Concerto do prestixioso coro norteamericano McGilvray en Baiona

A Capela de Santa Liberata acollerá este venres 21 de xuño ás 20:30 horas a actuación dunha formación musical vocal chegada dende norteamerica, The Ladies of the McGilvray Chorale, baixo a batuta do prestixioso director Byron McGilvray. Nacido en Texas, o intérprete atesoura unha longa traxectoria como mestre en distintas universidades e centros e director de formacións durante os últimos 40 anos.

Este concerto forma parte da xira que a formación, con 25 voces femininas, está ofrecendo en Portugal e España, e no seu repertorio atópanse obras clásicas, contemporánea americana e espirituais negros. Realizará só tres actuacións en Galicia este verán, sendo unha delas a da Capela de Santa Liberata en Baiona. A entrada é gratuíta.

Ademais de impartir clases como profesor de música na universidade estatal de San Francisco, McGilvray dirixiu numerosas xiras en distintos países de Europa nos últimos anos. Foi tamén mestre en China, Taiwan, Xapón, Israel ou Exipto entre outros, ten dado numerosas conferencias e sesións de traballo por todo o mundo e foi un dos fundadores con Robert Shaw do Festival of Masses.