Baiona acolle este sábado a IV Regata Solar Marine Instruments

A empresa de innovación tecnolóxica, Marine Instruments, abre o pano este sábado á IV edición da Regata Solar, unha cita anual para fomentar a eficiencia enerxética entre escolares e afeccionados mediante a construción de prototipos solares. Ademais, como nova proposta e co fin de seguir desenvolvendo as novas tecnoloxías e a súa difusión entre os escolares, Marine Instruments incorpora nesta cuarta convocatoria unha competición de coches solares, con similares características e condicións que a regata solar, pero poñéndolle rodas aos deseños.

A cita foi presentada esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Baiona, tendo como anfitrión da mesma ao seu Alcalde, Carlos Gómez, que estivo acompañado na rolda de prensa por Francisco Pino, Socio Director de Marine Instruments, e de María Troncoso, responsable de comunicación de Coca Cola que, xunto a Gadis e Tuypan, son as novas incorporacións como colaboradores do evento.

Tras o brillante éxito das tres primeiras convocatorias, Marine Instruments ampliou as prazas para tomar parte este sábado 22 de xuño nesta cita coa ciencia na vila de Baiona, que premia nas súas respectivas categorías, aos alumnos de Educación Secundaria, Formación Profesional e a xa estreada clase Open, en eficiencia e deseño. O reconto final ofrece un alto número de participantes, con máis de 300 escolares de 17 colexios, que participarán en ambas as dúas modalidades de Regata Solar e Carreira de Coches.

Os requisitos das embarcacións e dos coches réxense por unhas normas comúns a todos os participantes elaboradas por Marine Instruments e que contemplan que a única enerxía utilizada será exclusivamente a solar, xerada polo panel oficial de 100 W para as embarcacións e 50 W para os coches, non permitíndose o uso de acumuladores eléctricos. Tanto o panel como as baterías auxiliares entregadas por Marine Instruments serán os únicos materiais válidos.

Ademais, Marine Intsruments entrega a cada equipo pertencente a algún centro escolar un mando de radiocontrol e unha axuda económica valorada en 100 € no caso das embarcacións e de ata 250 € no dos coches.

O xurado estará formado por responsables de diferentes áreas de Marine Instruments: Francisco Pino, Director de I+D; Bruno Lema, Responsable da área de Hardware; e varios enxeñeiros de Hardware de Marine Instruments.

Os lugares elixidos para ambas as dúas competicións serán a Praia da Ribeira, no caso das embarcacións, e un circuíto montado sobre as canchas de baloncesto do Parque da Palma, para os coches de radio control.

A asociación A Industriosa (www.aindustriosa.org), un espazo para o desenvolvemento das persoas e proxectos relacionados coas tecnoloxías que se atopa situado na rúa Barcelona, 13 en Vigo, colabora coa regata dando soporte técnico aos participantes que así o desexen.

Toda a información sobre este evento, que dará comezo ás 11 da mañá, pódese atopar en www.regatasolar.org.

IMG_3686B

Anuncios