Carlos Gómez dá a coñecer a repartición de áreas do novo goberno de Baiona

O novo alcalde de Baiona, o socialista Carlos Gómez, tomou contacto esta mañá cos traballadores do Concello. Durante o encontro destacou que para este equipo de goberno a prioridade será buscar unha comunicación máis directa e establecer unha dinámica de coordinación que axude ao desempeño dos seus labores. Segundo Gómez, “para min é moi importante o traballo que realizan todos os traballadores, e facerlles saber sen indicio á dúbida que a predisposición para escoitar as súas necesidades, buscar unha boa sintonía e mellorar as condicións laborais dos mesmos”. Neste sentido, aproveitou para agradecerlles o labor que realizan diariamente e ademais mostrouse moi ilusionado e agradecido polo recibimento recibido.

Ademais, a comparecencia valeu para dar a coñecer a estrutura coa que funcionará o Concello durante esta lexislatura, con algunha área nova. O alcalde levará ademais Turismo, Vivenda e Actividades Marítimas. Óscar Martínez Álvarez levará as áreas de Vías e Obras, Iluminación Pública e Seguridade Cidadá, a concelleira Rosa María Domínguez Roda asumirá as concellerías de Medio Ambiente e ocuparase ademais dunha área nova dedicada ás Parroquias, que nace pola “carencia” de moitas zonas do municipio. Das concellerías de Servizos Sociais e Igualdade, Mobilidade e Accesibilidade levará as rendas Concepción Vara Rodríguez. As concellerías de Cultura e Deportes recaen sobre Miriam Mar Costas Iriarte. Así mesmo Víctor Manuel Muñoz Encinas xestionará as concellerías de Urbanismo, Comercio e Mercado, e Iago Pereira Moreda fará o propio coas áreas de Medio Rural e Participación Cidadá. Yasmina Moreira Costas farase cargo de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías, a de Igualdade compartida con Concepción Vara. Luis Carlos de la Peña Arizaga asumirá Facenda, Organización e Recursos Humanos, e Óscar Carreño Miniño levará a xestión de Educación e Emprego.

Sobre estas delegacións, o alcalde subliñou que “se trata dun equipo de goberno formado por persoas con moitas ganas de traballar, con moita humildade e ilusión e que moitos deles teñen experiencia nos temas que nelas desenvolveranse. Estas delegacións nacen do consenso, da responsabilidade, co claro propósito da transparencia e o impulso que o concello necesita. Todos nós, tanto os concelleiros como os empregados municipais, somos servidores públicos e debemos ser os primeiros en dar exemplo ante os veciños, xa que nos une un mesmo obxectivo: o interese xeral do noso municipio”.

Anuncios