Comezan os movementos no persoal do Gondomar FC

Comezan os movementos no persoal do Gondomar CF que buscará o retorno á Primeira Autonómica. Con tempo e planificación, a dirección deportiva e o corpo técnico, levan moitas semanas traballando nun equipo que volva a ilusionar e que ten como único obxectivo, o ascenso de categoría.

Baixas

No capítulo de baixas non continuarán os porteiros. Ofrecéuselle a renovación a Álex Vila, quen aceptou unha oferta de superior categoría, e unirase ao Cultural Areas de Preferente. No caso de Juan, ao que tamén se lle ofreceu a renovación, un ano de estudo ERASMUS en Francia non permitirá contar con el. Non continuarán no club Álex Villarnin Fabio, do mesmo xeito que Samu Puime e Javi Martínez, todos chegados no mercado de inverno, a este último si se lle ofreceu a renovación. Raúl Pérez vaise a Madrid por traballo, polo que non puido aceptar a proposta de renovación que se lle expuxo. E como últimas baixas que se poidan confirmar até o momento, Iván Domínguez tampouco continuará vestindo a elástica do noso conxunto, e tampouco un Kike Vila ao que se lle ofreceu a renovación.

Renovacións

No que atinxe a renovacións, sete son os xogadores que aceptaron a proposta de renovación na entidade. Os defensas gondomareños Romero e Agus. Tamén o defensa Carlos (tiña contrato en vigor), e súmase ao equipo Gabri, que estivo adestrando co club no derradeiro tramo de tempada, e que procede do Coruxo Xuvenil. Tamén confirmaron a súa continuidade no persoal o xogador Pablo Ozores, e os tamén miñoranos David Bas e Antón Cabado.

Nos próximos días faranse as primeiras presentacións dun persoal que xa conta con ata dez novas incorporacións, que darán un salto de calidade ao equipo e que ben seguro conseguen animar a unha afección desexosa de bo fútbol e grandes resultados cada domingo. Todo encamiñado a recuperar o terreo perdido, e coa convicción de que volverán a Primeira Autonómica.