1.500 quilos de comida recollidos en Baiona

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recibiu esta fin de semana máis de 23.000 quilos de comida procedentes do Zampakilos Solidario, campaña celebrada en distintos supermercados de Vegalsa-Eroski en Vigo, Moaña, Redondela, Porriño e Baiona.

Por localidades, en Vigo recibíronse 18.000 quilos de comida; en Redondela, 2.000 quilos; en Moaña, 1.500 quilos; en Baiona, 1.500 quilos; e, en Porriño, outros 600 quilos máis.

Un total de 315 voluntarios da ONG, perfectamente identificados con chalecos da entidade, facilitaron todas as doazóns que a cidadanía quixo entregar nas diferentes superficies comerciais.

O Zampakilos Solidario cumpriu o seu terceiro ano e desenvolveuse de maneira simultánea durante o venres e o sábado en numerosos supermercados do grupo empresarial en Galicia, Asturias e Castela e León. Tamén houbo recollida de alimentos en Pontevedra e Marín onde se recadaron uns 4.300 quilos de alimentos. Así mesmo, a cadea empresarial comprometeuse a doar unha achega adicional do 4 por cento en produtos e, ademais da entrega de alimentos directamente nas tendas, os clientes tiveron a posibilidade por primeira vez de facer doazóns económicas a través das caixas dos establecementos, creándose unha liña de crédito para cada Banco de Alimentos que poderán trocar ao longo do ano en función das súas necesidades.

En canto ao Banco de Alimentos de Vigo, esta acción solidaria supoñerá un importante impulso en canto ao abastecemento de produtos básicos para o almacén co que conta en Lavadores.