Nova proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación da presa de Baíña

A Xunta de Galicia ten previsto realizar o próximo mércores, 19 de xuño, unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación adscritas a un total de 26 presas con Plan de Emerxencia. En total, durante a proba sonora activaranse máis de 70 sirenas situadas por todo o territorio. Realizarase coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa) e Augas de Galicia. Tamén participará persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente, así como membros de Protección Civil dos concellos afectados, xunto con persoal da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

No caso da presa de Baíña, en Baiona, as sirenas soarán a partir das 11:00 da mañá do día 19. Estas probas non afectarán á actividade diaria dos veciños. En calquera caso, a poboación dos lugares nos que o aviso será audible será informada da proba e das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia. Con este exercicio, preténdense acadar dous obxectivos principais: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación.

En Galicia, actualmente hai 43 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalación, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno.

Aposta pola prevención

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Anuncios