“Máis da metade da veciñanza da provincia ten desde hoxe unha alcaldesa ou alcalde socialista”

David Regades, secretario xeral provincial, mostrouse satisfeito este sábado dos resultados que arroxaron as votacións levadas a cabo nos consistorios da provincia. “Máis da metade da veciñanza da provincia ten desde hoxe unha alcaldesa ou alcalde socialista”, sinalou, ao constatar que os socialistas gobernarán directamente sobre 521.128 habitantes, un 55,33% dos máis de 900.000 habitantes de Pontevedra.

“O vivido hoxe nos concellos demostra a capacidade de diálogo e liderado das e dos socialistas”, destacou Regades. Ademais de ostentar 21 alcaldías en toda a provincia, as e os socialistas entran no goberno en catro concellos máis: Poio, Ponteareas, Pontevedra e Vila de Cruces.

En total, o Partido Socialista participa en 25 gobernos municipais que representan o 68,92% da poboación, 649.075 veciñas e veciños da provincia de Pontevedra que contan con gobernos de progreso liderados ou con participación das e dos socialistas.

Pactos de investidura e de goberno

Máis en detalle, en Meis chegouse a un acordo de investidura co BNG que permite a Marta Giráldez ser alcaldesa durante os próximos catro anos, poñendo fin ao goberno do PP. Situación similar á de Forcarei, onde, tras investir esta mañá a Verónica Pichel, sigue aberta a posibilidade de conformar un goberno plural.

Tamén en Redondela Digna Rivas foi elixida alcaldesa este sábado tras o acordo ao que se chegou con AER e BNG. Ao igual que en Forcarei, as conversas seguen abertas para valorar a posibilidade dun goberno con participación destas dúas forzas.

Vilaboa, Tui, A Guarda tamén investiron alcaldes socialistas este sábado, manténdose nos tres concellos conversas entre as diferentes forzas de progreso para explorar a posibilidade de gobernos de coalición.

Por outra banda, Baiona e A Cañiza xa firmaron cadanseu pacto de goberno para os próximos catro anos. No caso da vila do Val Miñor, Carlos Gómez é alcalde co apoio do BNG e Nós Baiona, que entran no executivo; na Cañiza, Luís Piña rematou este sábado coa hexemonía do PP co apoio do único concelleiro de Ciudadanos, que ostentará responsabilidades de goberno.

No Porriño tamén Eva García de la Torre sigue á fronte da alcaldía, así como en Caldas de Reis, onde José Manuel Rey mantén a alcaldía da vila termal catro anos máis, e en Cambados, onde Fátima Abal conseguiu hoxe o respaldo da maioría das concelleiras e concelleiros.

Ademais, as e os socialistas forman parte de tres gobernos de progreso encabezados polo BNG nos concellos de Pontevedra, Poio, Ponteareas e Vila de Cruces, e facilitaron que se invistan alcaldesas e alcaldes de progreso en Cangas, Moaña, As Neves e Salceda de Caselas. Neste último caso, o acordo inclúe unha rotación na alcaldía que permitirá a Verónica Tourón ser alcaldesa os dous últimos anos de mandato.

Por último, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Nigrán, Gondomar, A Illa de Arousa, Silleda, Fornelos de Montes, Cuntis, O Grove e Ponte Caldelas teñen gobernos con maioría absoluta socialista tras os grandes resultados colleitados o pasado 26 de maio.

Anuncios