Hostal Crisol proclámase en Baiona campión da Copa Mahou GF7C 2019

Tras un día repleto de fútbol, amigos e emoción, xa sabemos quen será o elixido para representar á Galicia F7 Cup no F7 World Club Championship que se celebrará en Roma do 21 ao 23 de setembro. Hostal Crisol alzouse co trofeo de campión da Copa Mahou GF7C 2019 de Baiona tras un torneo impecable. Os coruñeses proclámanse como o mellor equipo de fútbol 7 de Galicia.

Nas semifinais, Hostal Crisol venceu a Merlego por un sólido 3-1 nun encontro que dominaron de principio a fin. Pola súa banda, Avery Dennison desfíxose de Aluvisa Colines por un folgado 4-1. O partido estivo moi igualado ata que nos minutos finais o marcador decantouse para os roxinegros. Xa na final, Avery Dennison comezou adiantándose no electrónico, pero Hostal Crisol reaccionou de maneira impresionante ata poñerse cunha vantaxe de 1-4 no marcador. Avery recortou distancias pero Crisol sentenciou o encontro grazas ao acerto de xogadores como Álvaro López ou Miguel Rodríguez para un 2-6 final.

Aluvisa Colines venceu por segundo ano consecutivo na final de consolación, esta vez ante Merlego. O resultado final foi de 7-4 para os amarelos.

Na entrega de trofeos foron repartidos os seguintes galardóns: Edu de la Puente recibiu o premio ao máximo goleador de mans de Talaso Atlántico. Álvaro López recibiu o Trofeo Xogador Mahou 5 Estrelas. Juan Carlos López recibiu o premio a mellor porteiro do campionato. Aluvisa Colines quedou terceiro, Avery Dennison segundo e Hostal Crisol como campión.

Desde as 2 sedes da Galicia F7 Cup – A Coruña e Santiago de Compostela – chegaron esta fin de semana ao Campo do Aral de Baiona os conxuntos como premio polos seus méritos deportivos tras esta tempada. Xuntáronse os campións do Torneo Apertura, Torneo Clausura, e Copa de cada cidade. Máis de 110 xogadores, repartidos en 8 equipos, que xogaron entre eles para proclamarse o mellor conxunto de fútbol 7 galego. Un título que defenderá Hostal Crisol a próxima tempada.