A Garda Civil desarticula un punto de venda de estupefacientes en Baiona

Efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán detiveron a dous veciños de Baiona, por un delito de tráfico de drogas, pola venda polo miúdo de estupefacientes a terceiras persoas que a diario frecuentaban o domicilio dun deles.

As investigacións iniciáronse o mes pasado cando se ten coñecemento de que nun determinado domicilio situado nunha céntrica rúa de Baiona, podíase estar a utilizar como punto de distribución e venda de droga ao “menudeo”, xerando na veciñanza unha situación de inseguridade pola afluencia de consumidores habituais de estupefacientes.

Por mor dun amplo e discreto dispositivo de control e vixilancia que se estableceu sobre a zona evidenciáronse as sospeitas. As pescudas realizadas levaron á incautación de varias vendas de pequenas cantidades de cocaína, heroína e haxix a varios compradores.

O operativo culminou o xoves pasado cando os gardas civís que integraban o operativo sorprenderon infraganti á persoa que se estaba investigando cando pretendía realizar unha transacción de droga nas proximidades do seu domicilio. No momento do arresto levaba escondidas no dobladillo do pantalón varias doses de cocaína. Trátase dun veciño de Baiona, de 31 anos, que ten un amplo historial policial relacionado co consumo de estupefacientes

A continuación, levouse a cabo un rexistro no domicilio, tutelado polo Xulgado, que contou co apoio do can detector de drogas do Servizo Cinológico da Garda Civil con base en Vigo. Interviñéronse pequenas cantidades de heroína cocaína, haxix e marihuana, así como diferentes útiles para a pesada e manipulación das drogas, bolsas de plástico para a súa distribución e varios teléfonos móbiles, así como unha televisión posiblemente adquirida como moeda de pago.

A investigación pechouse coa detención doutro veciño da localidade, de 50 anos, ao que se lle considera colaborador e intermediario nas operacións de compra venda da droga.

Os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución nº 7 de Vigo, en funcións de garda, que decretou a liberdade provisoria con cargos.

Con esta operación, a Garda Civil considera desarticulado un importante punto de distribución de estupefacientes nunha céntrica zona de Baiona que estaba a suscitar unha especial preocupación e alarma social entre a veciñanza.

Anuncios