Os populares de Nigrán entregan 13 rosas ao alcalde socialista na toma de posesión

O Salón de Actos Municipal de Nigrán albergou hoxe a toma de posesión da nova corporación, cos populares como único partido na oposición. No transcurso do acto, felicitaron unha vez máis ao alcalde socialista, Juan A. González, e fixéronlle entrega dun simbólico ramo de 13 rosas vermellas.

“Como non pode ser doutro xeito, o Partido Popular de Nigrán respecta a decisión dos veciños de Nigrán, que debuxou a actual corporación”, aseguran. Pola súa banda, o líder da oposición, Carlos Abal, sinalou ao alcalde que, a pesar da maioría socialista, “o grupo popular traballará duro e con responsabilidade desde a oposición sempre en beneficio de todos os veciños do municipio, sen excepción e con independencia da súa cor política”.

Neste sentido, o líder popular lembrou que o alcalde socialista xa non ten escusas para non xestionar de forma correcta e responsable a administración local. “Espero, polo ben do municipio e do seu futuro, que Juan A. González asuma coa responsabilidade que merece ser o máximo responsable do Concello, e estaremos vixiantes para que así sexa”, engadiu.

Anuncios