O CEP de Sabarís visita a Foz do Miñor con Valmiemprega

Os rapaces de 3º de primaria do CEP Sabarís realizaron unha visita guiada arredor da Foz do Miñor, guiados polo alumnado traballador da especialidade de promoción turística do Obradoiro de Emprego Valmiemprega III.

O grupo composto por 20 nenos e nenas e dous profesores, chegou sobre as 10:00 da mañá ao Centro Antena de Sabarís, onde recibiron unha explicación do espazo protexido da Ramallosa, e contemplaron os paneis e mesas explicativas da aula de natureza. Recibiron unha pequena charla sobre os diferentes ecosistemas que forma o espazo protexido, a formación da marisma e outras curiosidades.

A continuación fíxose o percorrido a través do paseo marítimo, facendo paradas para observar a flora da marisma e a fauna da contorna, facendo especial fincapé nas aves, auténticas protagonistas da foz. Outra das paradas é na punta de frecha de Ladeira, onde se lles falou sobre a importancia do marisqueo e de coidar a contorna para poder conservalo.

A última das paradas realizouse na zona de rexeneración das dunas de Ladeira, falándolles sobre a formación das dunas, a súa flora e a fauna, sobre todo da coñecida como Píllara das Dunas, unha pequena ave moi fráxil que compre protexer, xa que aniña na area e é moi fácil pisala.

En todo o percorrido as explicacións son complementadas cunhas láminas coas diferentes especies de aves e plantas, así como tamén se lles amosaron imaxes antigas de como era a Foz do Miñor en estado natural sen que houbera ningún tipo de construción.